Gastronomía

Reunidas nestas dúas comarcas temos todas as características que dan fama desde o punto de vista gastronómico a toda Galicia: materias primas de calidade e excelente cociña. Nesta zona, adquiren especial relevancia os percebes dunha costa esgrevia e fértil, a saborosísima ameixa das Pías, as centolas das Rías Altas e peixes de primerísima calidade, como o sargo, a robaliza ou a dourada. Da terra, as hortalizas, entre as cales salientamos o pemento do Couto ou os grelos de Cerdido, e as carnes, como a afamada tenreira da Capelada, criada en semi-liberdade. En defintiva, e éste o territorio ideal para degustar unha mostra da cociña do máis alto nivel, tanto en restaurantes e marisquerías como nas pequenas tabernas ou mesóns típicos. Ademais, a hostalería da zona ten un recoñecido prestixio pola importancia dada ao viño como un elemento de gran relevancia no gozo dos exquisitos pratos que farán as delicias dos padais máis esixentes.

 OS NOSOS PRODUTOS
Galicia é a terra de bo comer, de produtos de gran calidade e elaborada cociña, e Ferrol - Ortegal non podía ser unha excepción. Nesta zona do norte atopamos todos os produtos gastronómicos que dan fama a Galicia, carnes, peixes e mariscos excelentes, pero ademais é unha enorme despensa de exquisiteces culinarias propias que satisfán os padais máis esixentes. Estes son os principais produtos gastronómicos que só atopará no noso territorio.

  MARISCOS
Salientamos os berberechos, as minchas e as ameixas (fina, babosa e rubia) das nosas rías, entre elas a ´´ameixa das Pías´´, de gran valor culinario, a coquina de Valdoviño. É indiscutible tamén o especial sabor dos nosos centolos, capturados cunha arte de fondo, o miño, asi como as vieiras e as ostras.

  PERCEBES
 É un molusco que se pega ás rochas en augas moi batidas e forma colonias moi numerosas. A costa abrupta de Ferrol-Ortegal e o seu mar bravo son o sitio ideal onde degustalo.

  PEMENTOS DO COUTO (D.O.)
Pequenos pementos de sabor doce moi aprezados na comarca. Imprescindibles en calquera tapeo. (Non pican debido a ausencia de capsicina). A zona de produccion coincide coa de acondicionamento e envasado, estando constituída pola totalidade da comarca coruñesa de Ferrol, integrada polos seguintes municipios: Ferrol, Narón, Valdoviño, Cedeira, Moeche, As Somozas, San Sadurniño, Neda, Fene, Mugardos e Ares. O nome da denominación, ´´O Couto´´, é un nome xeográfico que se corresponde co lugar onde se localiza o mosteiro coñecido popularmente por ese mesmo nome, ao que se vencella o comezo da selección e cultivo destes pementos.

O POLBO Á MUGARDESA 
Producto do mar de Ferrol- Ortegal cociñado ao estilo deste concello, facendo unha especie de guiso.

PAN DE NEDA
Pan de gran fama no territorio Ferrol- Ortegal, elaborado polas panaderías de Neda e que conta cun sabor especial, grazas á súa excepcional materia prime e ás augas do río Belelle.

TENREIRA DA CAPELADA
O mérito desta carne reside en que procede de gando criado a base de pasto e leite, sen ningún tipo de penso ou hormonas.

GRELO DE CERDIDO
Grelo cultivado neste concello, dun exquisito padal, que axuda a promocionalo cunha feira gastronómica.

MEL DE SAN SADURNIÑO E MOECHE 
Mel recollida nestes concellos, nun hábitat de bosques de carballos, castiñeiros, breixo, silveiras, kiwis e flores silvestres.

QUEIXO DE MOECHE 
Diversas variedades de queixo galego elaborado neste concello. Salienta o queixo de tetilla (D.O.P.), e está elaborado con leite procedente de gando de raza frisona, pardo alpina e rubia galega, alimenta exclusivamente con pastos galegos.

CONSERVAS DE CARIÑO
No concello de Cariño, o destino Ferrol- Ortegal conta con varias conserveiras, algunhas artesanais, cuxos productos, de extrema calidade, é indispensable consumir na visita ao territorio.
Conservas La Pureza: conservas de peixe elaboradas artesanalmente: bonito, atún, peixe agulla, sardiñas, bacallau, congro, polbo...
Conservas Amieiro: conservas vexetais elaboradas artesanalmente. Teñen marmeladas de varios sabores, entre os que destacan a marmelada de amoras silvestres, a de kiwi, ou de mazá con noces. Tamén comercilizan conservas vexetais, feixóns, grelos ou salsa de tomate.
Conservas Modesto Carrodeguas: as conservas de esta empresa son o resultado dunha longa tradición familiar de conserveiros que iniciaron a súa andaina no sector en Espasante (Ortigueira) no año 1902. Conservas de diversos productos:  agullas, atún, xurelos, cabala, berberechos, sardiñas...
Conservas A'Xefa: consevas de cabala, sardiñas, atún e chicharro, entre outras, son fabricadas nesta pequena conserveira.

BICOS DE FERROL
Pasteis típicos da celebración de " As Pepitas" onde as rondallas cantan ás mulleres ferrolás a véspera de San Xosé, elaborados pola Escola de hostalaría de Pontedeume. Os Bicos teñen forma de corazón e están confeccionados cun biscoito de cacao, recheo con crema de laranza, con cobertura de chocolate negro, decorado con chocolate branco e unha peroliña de azucre.

PASTELÓN DE CEDEIRA
É a empanada típica de Cedeira, moi follada e xa sexa de carne, peixe ou marisco está realmente exquisita.